Quen somos?
Josefina Rey Beiró nace no ano 1937 en Lestrove (Dodro), unha pequena aldea a carón de Padrón. No ano 1961, xunto co seu marido trasládanse a Allariz.
Nesa época descobre os doces típicos da vila, pero non é ata o ano 1971 cando decide converter a afección en forma de vida e crear o obradoiro de repostería que leva o seu nome.
Dende entón, foron moitos os avatares que teñen acontecido. Algúns bos e outros menos. Moitos esforzos realizados e algunhas ilusións acadadas.
Pero nese percorrido, en Fina Rei, sempre priorizamos a xente, “facer as cousas ben” como idea que nos acompaña dende o inicio, a honestidade da calidade fronte á cantidade, o repouso fronte á inmediatez, a creación fronte á imitación.
Na procura dun produto único atopamos o deleite de sentírmonos partícipes achegando algo de carácter, algo de orgullo e moita dozura, que son a nosa esencia.
Repostería tradicional de Allariz
Os doces tradicionais da vila de Allariz contan unha historia que se perde na memoria do tempo. Pénsase que foron os xudeus os que introduciron esta repostería. Enciclopedia Madoz (1845-1850), Historia de Allariz (Alfredo Cid Rumbo, 1984) ou Os xudeus de Allariz (Xosé Puga Brau, 1996), son algunhas das obras nas que se recolle información sobre a elaboración destes doces e a súa importancia na economía allaricense.
O poema de Curros Enríquez Unha boda en Einibó (1978), reflicte a fermosura da améndoa de pico, o doce máis representativo e exclusivo de Allariz.
“Alá d´o ceo n-os confís,
Entra un exame d´estrelas
Como almendras de Allariz”
Entra un exame d´estrelas
Como almendras de Allariz”
A protagonista da repostería tradicional de Allariz é a améndoa. Todos os produtos da nosa repostería teñen como base a améndoa. En concreto a améndoa marcona, a que ten as mellores características organolépticas.
Con ela elaboramos o Amendoado de Allariz, a Torta Real, a Améndoa de Pico ou a Rosca de Cazo (melindre de Allariz).
O chocolate tamén forma parte por dereito da tradición reposteira da vila. Aquí sempre houbo artesáns e artesás adicadas a elaborar este manxar.
Os chocolates, bombóns e turróns artesanais de Fina Rei e algunhas das nosas creacións máis innovadoras como as Ostras e a Frecha de chocolate, proban a importancia desta materia prima no noso traballo.
Creación fronte a imitación
O respecto pola tradición e a creación de produtos orixinais, únicos, son a nosa esencia. As creacións de Fina Rei recollen as aprendizaxes dos últimos cincuenta anos e as ganas de mirar cara adiante.
A proposta de torta de mazá de Fina Rei chámase A Tentación de Eva; “unha agradable sorpresa”. Un produto que innova dende a elaboración ata o envase. As Galletas de Nata ecolóxicas de Fina Rei nacen na tradición, na receita das nosas avoas que elaboraban as galletas a partir do primeiro fervor do leite. Nós engadimos o toque innovador da améndoa, empregamos ingredientes de procedencia ecolóxica e un envase biodegradable e reutilizable.
Entre as Creacións de Fina Rei atopamos a Frecha de Chocolate, creada para celebrar o Día do Amor coas persoas que máis nos importan. As Ostras de Chocolate nacen da inspiración artesá e nas nosas paisaxes. Son a solución para sorprender en datas sinaladas.
Creacións de Fina Rei como a Frecha de Chocolate, con poemas de Yolanda Castaño ou Carlos da Aira, ou o Turrón e as Caras Acisclo, homenaxe ao escultor Acisclo Manzano, son a oportunidade de demostrar o noso compromiso coa cultura que compartimos.
Sostibilidade para coidar do mañá
No 2021 cumprimos 50 anos. En Fina Rei miramos cara o futuro coidando os produtos que elaboramos e coa mirada posta no medio no que vivimos.
Queremos reducir a nosa pegada de carbono, crear produtos ecolóxicos e apostar por produtos respectuosos co medio ambiente introducindo envases reciclables e reducindo plásticos.