Coidar a esencia para garantir o futuro
Somos artesáns reposteiros. Creamos produtos únicos e de calidade que conteñen carácter, orgullo e dozura
1971
Fundada por Josefina Rey e José Mosquera.
Josefina Rey Beiró (1937) e o seu marido José Mosquera (1935-1990) fundan o obradoiro de repostería Fina Rei, en Allariz. Dende entón, sempre priorizamos a calidade fronte á cantidade, a creación fronte á imitación. Conseguimos un produto diferente cheo de carácter, orgullo e moita dozura, valores que compartimos como pobo.
1971
Manter viva a tradición.
Fina Rei nace para coidar e poñer en valor a repostería tradicional de Allariz, na que o produto rei é a améndoa.
Do coidado e aproveitamento desta materia prima nacen o Amendoado de Allariz e a Torta Real.
1986
As nosas tendas.
No ano 1986 abre a pastelería de Fina Rei na rúa Castelao. Non é ata o ano 2002, cando abre a nova tenda de Allariz no número 1 da rúa Emilia Pardo Bazán, no baixo da vivenda familiar.
No 2003, prodúcese a apertura da tenda “A Tropical”, en Ourense.
2013
Creacións Fina Rei.
O traballo de Fina Rei está marcado polo respecto pola tradición e a creación de novos produtos, orixinais, únicos. No ano 2013 presentamos a Frecha de Chocolate con poema de Yolanda Castaño. No 2015, o turrón elaborado a partir dunha escultura de Acisclo Manzano. No 2019 creamos as Ostras de Chocolate.
2014
Unha nova porta de entrada.
Abrimos a nosa tenda en liña coa intención de chegar a calquera lugar da península, de manter o vínculo coas clientas e clientes que visitan as nosas tendas de Allariz, Ourense ou calquera tenda que vende os produtos de Fina Rei.
2021
50 anos de Fina Rei.
No ano 2021 cumprimos 50 anos. Facémolo dicindo máis orgullosos ca nunca que somos artesáns reposteiros de Allariz. Que sempre traballamos para poñer en valor a nosa repostaría tradicional e coa intención de crear produtos orixinais que sorprendan pola súa calidade e sabor.
2021
Sostibilidade
A nosa mirada está nos produtos, pero tamén no medio no que vivimos e traballamos. Entre outras medidas, reducimos os plásticos que empregamos e introducimos os envases reciclables. No ano 2021 creamos as Galletas de Nata ecolóxicas. No 2022, instalamos placas solares no obradoiro para reducir as nosas emisións.
2022
Fina Rei, á medida dos nosos clientes.
Escoitar antes de crear. Gústanos elaborar produtos a medida de calquera persoa, empresa ou entidade nos que personalizar produto e envase.