Acceder

Fina Rei colabora no IX Premio Antón Risco de Novela Curta

A Fundación Vicente Risco, Deputación de Ourense, Cervexa A Esmorga, Daveiga-Galletas Mariñeiras e Fina Rei, convocan conxuntamente o “IX Premio Antón Risco” de novela curta co fin de homenaxear ao escritor allaricense Antón Martínez-Risco Fernández.

Para Fina Rei é unha sorte poder unir o noso nome ao da Fundación Vicente Risco, poder contribuír para que o Premio Antón Risco sexa unha realidade. Como xa explicamos cando falamos sobre a colaboración con Aira Editorial, para nós un proxecto local só ten sentido e futuro cando suma forzas con outras iniciativas que comparten a aposta polo mesmo lugar.

A participación no IX Premio Antón Risco, aberta ata o 31/01/24

Pode participar calquera persoa cunha novela curta escrita en lingua galega ou portuguesa. Novela curta significa que debe ter un mínimo de 60 páxinas e un máximo de 100. As obras presentadas deben ser anónimas e inéditas e non ter sido publicadas ou premiadas con anterioridade. 

O prazo de entrega remata o 31 de xaneiro de 2024. A obra gañadora será premiada con 3.000€ así como a publicación do libro. A Fundación Vicente Risco, a través do seu selo editorial Dr. Alveiros, será a encargada da edición e publicación. 

O fallo do xurado terá lugar en Allariz, na sede da Fundación Vicente Risco, durante o mes de maio de 2024. Deixámosvos a ligazón coas bases con toda a información a continuación.

Homenaxe a Antón Risco

O premio nace da idea de homenaxear a figura do escritor Antón Risco. Continuador do gusto do seu pai polo xénero fantástico, don Vicente Risco, Antón Risco foi un destacado teórico da literatura fantástica, editor e escritor de novelas e relatos fantásticos, moitos deles aínda inéditos. Na páxina web da Fundación Vicente Risco pode consultarse con detalle toda a obra do autor.

Co obxectivo de continuar co seu labor de divulgar a creación orixinal, con especial énfase na de xénero fantástico, convócase unha nova edición do Premio Antón Risco de Novela Curta. 

Comparte!