Fina Rei é un obradoiro de repostaría artesanal situado en Allariz que leva orgulloso o nome da súa fundadora: Josefina Rey Beiró. Entre os valores que estiveron e están presentes no noso traballo destaca o de escoller calidade fronte a cantidade e creación fronte a imitación. Outros valores fundamentais son o compromiso coa cultura e entender Fina Rei como un proxecto local, que só ten sentido e futuro cando suma forzas con outras iniciativas que comparten a aposta polo lugar. Para nós foi unha sorte a proposta de Aira Editorial: que Fina Rei dera nome a unha colección de poesía escrita por mulleres.
Curiosidade, Estíbaliz Espinosa
Curiosidade foi a primeira obra da colección Fina Rei. O libro é unha proposta para mudar o punto de vista, para descubrir a relación entre literatura e ciencia. “A poeta observa o mundo. A poeta esculca co ollo apegado ao telescopio os misterios do universo. A poeta contempla a través do microscopio a harmonía e o caos das moléculas. A poeta mira e escribe”.
Estíbaliz Espinosa naceu no ano da mensaxe dende o radiotelescopio de Arecibo. É escritora, tradutora e música. Ademais de poesía tamén escribe relato e ensaio. Durante a súa traxectoria recolleu premios como o Esquío ou o Espiral Maior.
Álbum, Charo Lopes
A primeira pregunta que nos fai Álbum é: que comunica unha fotografía? Que nos evoca unha imaxe instantánea dun intre pasado? Álbum é moito máis ca unha colección de momentos. Responde á ollada crítica da autora ao tempo de hoxe, á violencia estrutural invisible. O libro acadou o Premio Cidade de Ourense de Poesía no ano 2019.
Charo é fotógrafa feminista e xornalista freelance. Na súa traxectoria como poeta tamén recolleu o premio Fiz Vergara no ano 2015 por De como acontece a fim do mundo.
As puntas da louza, Lorena Conde
“Este libro é unha homenaxe ás mans que traballan e ás que traballan coas mans. Unha ferramenta contra a opresión que se dá por evidente, que se acepta sen protestar. Un berro, unha cantiga, unha oración para esconxurar o poder da Máquina, para convocar a Liberación”. As puntas da louza conseguiu o Premio de Poesía Cidade de Ourense no ano 2020.
Podedes atopar a Lorena nos terreos da dramaturxia, a dirección escénica, a interpretación, as artes plásticas e a literatura. No ano 2016 gañou o Premio de Poesía Miguel González Garcés con Entullo. No 2020 acadou nada menos que o Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil coa novela Velloucas & Minchas, o Premio de Poesía Cidade de Ourense por As puntas da louza e o Premio de Poesía Filomena Dato co poemario Ave do Paraíso.
As alas da serpe, Sol Mariño
A primeira obra de Sol Mariño é a última incorporación á colección Fina Rei de poesía feminina. As alas da serpe é un conxunto de poemas sobre a experiencia, a lembranza e a fascinación. Converter o exótico en familiar, reparar no que ninguén ve. É a celebración do encontro entre xeitos de abrazarse á vida que parecen moi distantes.
A viaxe de Sol comezou na Terra de Soneira e A Coruña, pasa por Barcelona, Arxentina e Brasil e acaba, polo momento, na Costa da Morte. Acompañada pola fotografía, a poesía ou o teatro. Adícase á serigrafía textil, a fotografía e a pintura manual.