Acceder

Tres lugares que visitar en Allariz

O patrimonio natural é histórico de Allariz é unha fonte de inspiración para o traballo que desenvolvemos dende hai máis de cincuenta anos no obradoiro de Fina Rei. Allariz recibe cada ano milleiros de visitantes atraídos por unha vila singular, tranquila, con máis lugares de interese dos que poidades imaxinar e na que non faltan festas e feiras, actividades, nin a boa gastronomía.

Hoxe facémosvos tres propostas de lugares especiais para nós e sen os que non entenderiamos o lugar no que temos a sorte de vivir. Non esquezades rematar a visita no número un da rúa Emilia Pardo Bazán e levar algún dos doces tradicionais elaborados en Fina Rei. 

O río Arnoia: de Vilar de Barrio á Arnoia, pasando por Allariz

O río Arnoia é un afluente do Miño. De 84,5 quilómetros de lonxitude, é o río máis longo da provincia de Ourense. Protagonista insubstituíble da paisaxe allaricense, a vida en Allariz transcorre nas marxes do río. 

Un exemplo de todos os tesouros que se agochan a carón do río é o Parque Etnográfio do Río Arnoia. Responde á idea de recuperar e integrar na vila, elementos do patrimonio etnográfico que aínda subsisten no territorio. Está constituído por tres elementos: o Muíño do Burato, o Museo do Tecido “O Fiadeiro” e o Museo do Coiro “Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras”. 

Sen saír da contorna do Arnoia, chegamos ao seguinte punto de interese. Un evento pioneiro que xa se converteu nun referente internacional. 

Festival Internacional dos Xardíns de Allariz

Foto: allariz.gal/festival

“Máis de 37.700 metros cadrados de auga, sons, cores e vexetación”. O Festival Internacional dos Xardíns de Allariz é un evento único en toda a Península que cada primavera conserva a mesma ubicación, pero renova doce espazos efémeros adicados á creatividade e a innovación paisaxística. 

O lema desta édición é: “A volta ao mundo en once xardíns”. O festival pode visitarse ata finais de outubro e acolle propostas de paisaxistas galegos, cataláns, madrileños, granadinos, canarios, italianos, mexicanos e colombianos. Xardíns que, nos próximos meses, esperan recibir ao redor de 40.000 visitantes. 

Conxunto arqueolóxico-histórico de Armea

Foto: allariz.gal

Situado a quince minutos en coche de Allariz, está formado polo castro ou Cibdá de Armea, o forno da Santa e a basílica inacabada da Ascensión.

A Cibdá de Armea está ubicada no alto do monte das Casarellas e está considerada unha cidade galaico-romana. Nas faldras meridionais do monte do Castro pode atoparse o forno da Santa que contén unha cripta templaria soterrada. O último elemento do conxunto é a basílica inacabada da Asensión, do século VI. Son monumentos histórico-artísticos dende o ano 1963 e teñen a categoría de Ben de Interese Cultural (BIC).

A Cibdá de Armea é sen dúbida unha proposta diferente ás anteriores, unha ventá ao pasado e á nosa historia que cómpre coñecer.

Comparte!