Acceder

50 anos de dozura

Este ano 2021 facemos 50 anos. Foi no ano 1971 cando Josefina Rey Beiró (1937, Lestrove), xunto ao seu marido José Mosquera Rivas (1935, Santander – 1990, Allariz), decidiu converter a súa afección pola cociña e a repostaría no seu traballo, creando o obradoiro que leva o seu nome. Hoxe, aínda que afastada do día a día, a súa inspiración e ensinanzas seguen moi presentes no labor que desenvolve o equipo de Fina Rei.

Facer as cousas ben

“Faino ben” foi a mensaxe, a idea que estivo presente dende o inicio e que sempre formará parte da nosa identidade. O obxectivo nunca foi o de ser máis ou menos grandes, senón o de facer o traballo que estea nas nosas mans e medrar pouco a pouco, paso a paso. Como unha nai que alimenta e educa o seu fillo con paciencia e cariño.

Facer as cousas ben tamén é entender e respectar o lugar ao que pertencemos. Estamos orgullosos de poder dicir que somos artesáns reposteiros de Allariz, de coidar e transmitir o valor da súa repostaría tradicional. Traballamos dende aquí, pero coa mirada posta en calquera lugar do que aprender ou ao que poidamos levar o noso traballo.

Facer as cousas ben, para nós, é aproveitar a oportunidade para transmitir a cultura que compartimos nos produtos que elaboramos.

Coidar a esencia para garantir o futuro

Fina Rei creou o proxecto e marcará sempre o noso xeito de facer. Que o seu nome sexa o da nosa marca significa que asumimos a responsabilidade de facer as cousas á nosa maneira, co vagar que leva ao prestixio, sen atallos. Facelo doutro xeito sería traizoar esa ensinanza, saír dun camiño do que non nos apartamos en cincuenta anos e ao que non renunciaremos.

Miramos cara a adiante apoiándonos na tradición e innovando, pensando en novas creacións que sorprendan pola súa orixinalidade pero, sobre todo, pola súa calidade e sabor.

Un futuro que non pode existir sen participar do coidado do noso medio ou dun modelo de vida saudable. Para iso, coidamos dende a materia prima ata o envase que escollemos, pasando por cada un dos doces que elaboramos.

Grazas polo voso apoio durante todos estes anos. Escoitaremos e traballaremos para poder contar coa vosa compañía durante moito tempo máis.

Comparte!