Acceder

5 motivos para visitar Allariz no Nadal

Allariz convértese nestas semanas nunha das capitais do Nadal galego. Baixo a recreación dun conto que leva como título ‘Un Nadal diferente’, a vila allaricense cóbrese de branco e ofrece unha proposta diferente e totalmente sostible. Esta filosofía impregna todos os escenarios e decorados que se reparten pola localidade e supoñen un grande reclamo para nenos e maiores. Hoxe compartimos con vós cinco motivos para achegarse a Allariz nestas datas.

1. Unha proposta sostible, ecolóxica e artesanal

A aposta polo aproveitamento de elementos e estruturas empregadas anteriormente, a utilización de materiais como a madeira e a ausencia total de plástico, xunto a un orzamento contido, son algunhas dos acenos de identidade desta iniciativa. Iso si, onde non escatiman é no amor e no esforzo que lle poñen á elaboración dos once escenarios que engalanan durante estes días Allariz. Neve, figuriñas de todo tipo e moi orixinais, unha pista de patinaxe ou a casa dos gnomos, unha das novidades introducidas este ano, son varios dos atractivos que convidan a visitar cada recuncho deste pobo da provincia de Ourense. Ademais, todos estes elementos poderán ser reciclados novamente cando remate este Nadal e utilizados noutras celebracións futuras como pode ser o Samaín.

2. Tranquilidade para mercar no comercio de proximidade

Nun tempo no que moitas poboacións teñen as súas zonas comercias totalmente saturadas e realizar calquera movemento acaba converténdose en moitas ocasións nun auténtico suplicio, Allariz invita a gozar dun paseo e mesmo das habituais compras do Nadal nun ambiente de tranquilidade e relax. Combinar a visita aos adornos que decoran a vila con realizar a compra dos agasallos típicos desta época apostando polo comercio local e de proximidade é sempre un valor engadido. Ademais, unha zona de aparcamento gratuito moi preto do centro facilita as cousas.

3. Un patrimonio natural e histórico salientable

Allariz é patrimonio e historia, pero tamén paisaxe. A nosa recomendación é que a visita á decoración natalicia leve aparellado tamén coñecer unha vila singular, tranquila e cuns arredores tamén fantásticos. O río Arnoia vertebra e dálle vida a Allariz, desenvolvéndose a vida dos allaricenses nas súas marxes. Con 84,5 quilómetros de lonxitude, é o río máis longo da provincia de Ourense. Ao seu carón pódense visitar auténticos tesouros como o Parque Etnográfico do Río Arnoia, que conta con tres elementos fundamentais como son o Muíño do Burato, o Museo do Tecido ‘O Fiadeiro’ e o Museo do Coiro ‘Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras’.

Así mesmo, a tan só quince minutos en coche de Allariz pódese viaxar ao pasado coa visita ao Conxunto arqueolóxico-histórico de Armea, formado polo castro de Cibdá de Armea, unha cidade galaico-romana; o forno da Santa, que contén unha cripta templaria soterrada; e a basílica inacabada da Ascensión, que data do século VI. Todos eles son monumentos histórico-artísticos dende o ano 1963 e teñen a categoría de Ben de Interese Cultural (BIC).

4. Unha visita con opción de levar un premio

A visita a Allariz nestas datas, acompañada con algunha compra no comercio local, pode vir acompañada ademais de premio grazas á campaña de ‘O Peto dos desexos’, unha iniciativa comercial impulsada polo Concello, o comercio e a hostalería da vila. Todas aquelas persoas que sumen tíquets por un valor mínimo de 30 euros durante a campaña de Nadal, entre o 1 de decembro e o 6 de xaneiro, deberán depositar os comprobantes das compras xunto coa tarxeta dos desexos nun dos petos situados no Alto do Portelo e na Alameda, entrando deste xeito nun sorteo que se celebrará o día 8 de xaneiro e no que se entregarán dous premios de 250 euros e cinco de 100 euros entre todos os participantes.

5. Descubrir a repostería tradicional de Allariz

Coa améndoa como gran protagonista, Allariz goza dunha saborosa repostería con moitos séculos de tradición, xa que moitos sitúan os seus antecedentes no século XIII, cando a actividade dos xudeus radicados na vila fixeron de ponte para que chegasen ingredientes como as améndoas ou os piñóns. Os Amendoados, a Torta Real, os melindres ou a Améndoa de Pico son os principais expoñentes da repostería tradicional allaricense, que durante o mes de Nadal tamén se enriquece con turróns e bombóns artesanais galegos ou chocolates. E todo co engadido e o sabor que lle aporta unha elaboración artesanal que pervive nos obradoiros da localidade ourensá e unha materia prima de primeira calidade. No número un da rúa Emilio Pardo Bazán atoparedes un compendio de todo o que ten que ofrecer a repostería de Allariz.

Comparte!