Repostería Tradicional
Alicerces da repostería en Allariz
Os doces tradicionais da vila de Allariz contan cunha historia que se perde na memoria do tempo. Pénsase que foron os xudeus, xa que nesta vila houbo na idade media unha importante colonia deste pobo, os que introduciron esta repostería; e posteriormente portados, dese alén dos tempos, polos veciños deica hoxe.
Existen varias referencias bibliográficas dedicadas a esta actividade, Enciclopedia Madoz (1845-1850), Historia de Allariz (Alfredo Cid Rumbao 1984), Os xudeos de Allariz (Xosé Puga Brau, 1996)…,etc. todas elas con recensións escuetas, pero claras acerca da elaboración destes doces e da súa importancia na economía da vila. E outras, como o poema de Curros Enríquez de 1878 «Unha boda en Einibó», na que o autor evidencia a fermosura da améndoa de pico: o máis representativo e exclusivo doce da nosa Vila.
“Alá d´o ceo n-os confís,
Entra un exame d´estrelas
Como almendras de Allariz”
Fragmento do poema de Curros Enríquez “Unha boda en Einibó” Aires da miña terra (1878)
Na repostería tradicional desta vila o produto rei é a améndoa, pese a non existir no noso territorio cultivos deste froito seco, todos os produtos están elaborados tendo como base fundamental a améndoa, e como variedade exclusiva a denominada “Marcona” por ser a de características organolépticas mellores.
No agarimo da manipulación desta materia prima reside o segredo da calidade de doces como o Amendoado de Allariz, a Torta Real, a irrepetible Améndoa de Pico ou a Rosca de Cazo (melindre de Allariz), todos eles cun clarísimo carácter diferenciador pola súa autenticidade e respecto mantido ao longo dos séculos. E aproveitado para novas creacións como os Anacos…
Dentro da repostería tradicional temos que mencionar o chocolate, xa que na vila sempre houbo artesáns dedicados a elaboración deste manxar.
Na actualidade, Fina Rei colleu o elo destas empresas e elabora chocolates de primeirísima calidade e utiliza os mesmos para diversas creacións, mantendo, así, viva a tradición.