Quen Somos
A persoa, a familia
Josefina Rey Beiró nace no ano 1937 en Lestrove (Dodro), unha pequena aldea ao carón de Padrón. No ano 1961, xunto co seu marido trasládanse a Allariz. É nesa época cando a súa inquietude pola cociña lévaa a descubrir os doces típicos da vila, pero é no ano 1971 cando decide converter esta afición nunha forma de vida, e achegar a súa maneira de facer a todo o mundo, creando o obradoiro de repostería que leva o seu nome. Hoxe, retirada das facetas máis cansinas, exerce a súa influencia sobre os fillos que seguen a fronte do forno.
Dende entón, foron moitos os avatares que teñen acontecido, algúns bos e outros menos. Moitos os esforzos realizados. Algunhas as ilusións acadadas. Pero nese percorrido, na nosa casa, en Fina Rei, sempre priorizamos a xente, o bo facer, a honestidade da calidade fronte a cantidade, os tempos que marcan o repouso preciso fronte a inmediatez dos atallos que nos desabeiran do ben feito. A creación fronte a imitación, porque no esforzo na procura desa diferenciación, atopamos o deleite de sentírmonos partícipes achegando algo de carácter, algo de orgullo e, por suposto, moito de dozura, o que somos como pobo.
A Empresa
Fina Rei establece os seus alicerces no ano 1971. Na súa orixe, nace coa idea de dar a coñecer a rica repostería da vila de Allariz. E hoxe, tras 40 anos de traballo, podemos afirmar que coa nosa tarefa, conseguimos achegar prestixio e elegancia a unha tradición que se leva desenvolvendo en Allariz dende tempos inmemoriais.