Fina Rei 50 anos de dozura

Este ano 2021 facemos 50 anos. Foi no ano 1971 cando Josefina Rey Beiró (1937, Lestrove), xunto ao seu marido José Mosquera Rivas (1935, Santander – 1990, Allariz), decidiu converter a súa afección pola cociña e a repostaría no seu traballo, creando o obradoiro que leva o seu nome. Hoxe, aínda que afastada do día a día, a súa inspiración e ensinanzas seguen moi presentes no labor que desenvolve o equipo de Fina Rei.

FACER AS COUSAS BEN

Faino ben” foi a mensaxe, a idea que estivo presente dende o inicio e que sempre formará parte da nosa identidade. O obxectivo nunca foi o de ser máis ou menos grandes, senón o de facer o traballo que estea nas nosas mans e medrar pouco a pouco, paso a paso. Como unha nai que alimenta e educa o seu fillo con paciencia e cariño.

Facer as cousas ben tamén é entender e respectar o lugar ao que pertencemos. Estamos orgullosos de poder dicir que somos artesáns reposteiros de Allariz, de coidar e transmitir o valor da súa repostaría tradicional. Traballamos dende aquí, pero coa mirada posta en calquera lugar do que aprender ou ao que poidamos levar o noso traballo.

Facer as cousas ben, para nós, é aproveitar a oportunidade para transmitir a cultura que compartimos nos produtos que elaboramos.

COIDAR A ESENCIA PARA GARANTIR O FUTURO

Fina Rei creou o proxecto e marcará sempre o noso xeito de facer. Que o seu nome sexa o da nosa marca significa que asumimos a responsabilidade de facer as cousas á nosa maneira, co vagar que leva ao prestixio, sen atallos. Facelo doutro xeito sería traizoar esa ensinanza, saír dun camiño do que non nos apartamos en cincuenta anos e ao que non renunciaremos.

Miramos cara a adiante apoiándonos na tradición e innovando, pensando en novas creacións que sorprendan pola súa orixinalidade pero, sobre todo, pola súa calidade e sabor.

Un futuro que non pode existir sen participar do coidado do noso medio ou dun modelo de vida saudable. Para iso, coidamos dende a materia prima ata o envase que escollemos, pasando por cada un dos doces que elaboramos.

Grazas polo voso apoio durante todos estes anos. Escoitaremos e traballaremos para poder contar coa vosa compañía durante moito tempo máis.