Repostería tradicional de Allariz, a que se facía en todas as casas da vila

En Fina Rei sempre destacamos a importancia que ten para nós a repostería tradicional de Allariz. Os Amendoados e a Torta Real, entre outros produtos, forman parte da nosa esencia e identidade. Doces que están entre os máis antigos e recoñecidos de Galicia. Miguel Mosquera Rei é un dos herdeiros da historia e da maneira de facer que sempre coidou e transmitiu a súa nai, Fina Rei.

“Estamos a falar de repostería cunha orixe, probablemente, xudea. De gran antigüidade, que se arraigou na vila de maneira popular. A nós isto parécenos moi interesante. Durante moitos anos, esta repostería facíase en case todas as casas da vila. Nas festas… Nós tamén comezamos así. A nosa nai foi a que comezou a saber recoñecer eses puntos para que a repostería saia perfecta. Por outro lado, eu penso que esa antigüidade lle dá tamén un arraigo grande a nivel galego de recoñecemento, como unha repostería que a xente coñece dende hai moitos anos”.

O vínculo da nosa empresa coa repostería tradicional de Allariz está dentro dun recordo compartido con moitas familias da vila. Recordos que conforman a nosa tradición e a nosa historia, que falan do pasado, pero tamén do camiño que temos por diante.

“Para min un dos recordos máis entrañables que teño desta repostería e da nosa nai, que foi quen nos inculcou este coñecemento, era o feito de pelar a améndoa na casa e poñela a secar. Ese proceso, o do secado enriba dos panos preto dunha ventá na que lles daba o aire e o sol, anunciaba que se ían elaborar unha serie de doces que nos encantaban a todos, que nos fascinaban. De cara ao futuro, si que me gustaría que esa costume que nós considerabamos normal e habitual na nosa casa, volvese a todas as casas da vila. Que volvese ese arraigo á cociña e que nas festas a xente se atreva a elaborar estes doces e a transmitilo”.

Elaboración dos Amendoados e a Torta Real de Allariz

Marcos Mosquera Rei, irmán de Miguel, é unha das persoas responsables da elaboración dos Amendoados e da Torta Real. Cales son os ingredientes? E os pasos para a elaboración dos doces? Outra cousa é o resultado que se consegue, a textura, o aroma e, sobre todo, o sabor, despois de tantos anos de experiencia e de contar coa mellor mestra posible.

“Os ingredientes do Amendoado son: améndoa, azucre, clara de ovo, e vai sobre unha oblea de trigo. Mesturamos a fariña de améndoa co azucre e engadimos a clara de ovo ata que colla a textura idónea. Dosificámolo enriba das obleas e o metemos no forno 25 minutos aproximadamente”.

“Os ingredientes da Torta Real son a améndoa, o azucre e o ovo enteiro. É a diferenza co Amendoado. Despois vai nunha base dunha masa follada, que tamén fai de decoración. No forno está unha hora ou hora e dez”.

Na última liña recuperamos o desexo de Miguel: “De cara ao futuro, si que me gustaría que esa costume que nós considerabamos normal e habitual na nosa casa, volvese a todas as casas da vila”. Que vos parece? Animásdesvos a probar?

Comparte!