Cacao e chocolate son dous termos que usamos a miúdo como se fosen o mesmo, pero non o son. Detrás de cada tableta hai unha historia: unha selección de ingredientes, un proceso de transformación e unhas porcentaxes que marcan o sabor final. Pero, sabes que significan?
En Fina Rei queremos explicarche de forma sinxela cal é a diferenza e que significan os números que ves nas etiquetas do chocolate.
O cacao: o corazón do chocolate
O cacao é o ingrediente base. Provén das sementes do Theobroma cacao, un árbol que medra en zonas tropicais de América, África e Asia. Tras fermentarse e secarse, as sementes convértense en diferentes produtos:
- Manteiga de cacao, a parte graxa que dá untuosidade.
- Pasta de cacao, rica e intensa. É o gran de cacao enteiro triturado e contén un 50% de manteiga de cacao.
Cada un conserva o sabor e as propiedades naturais dun alimento cheo de historia e matices.
O chocolate: unha mestura equilibrada
O chocolate fórmase ao combinar pasta de cacao, manteiga de cacao e azucre (ás veces tamén leite, se falamos de chocolate con leite).
A proporción destes ingredientes define o resultado final:
- Canto máis cacao, máis escuro, intenso e menos doce.
- Canto menos cacao, máis suave e doce.
Por iso, os reposteiros artesáns elixen diferentes porcentaxes segundo o tipo de sobremesa que queiran crear.
As porcentaxes nas tabletas
Cando ves unha tableta que pon “70% cacao”, esa cifra indica que o 70% do produto procede do cacao (pasta + manteiga de cacao). O 30% restante adoita ser azucre e outros compoñentes.
En resumo: canto maior é a porcentaxe, máis puro é o chocolate e menor o contido en azucre. Ademais a aportación de compoñentes beneficiosos como os antioxidantes (flavonoides), minerais e outros como a teobromina, é maior. A porcentaxe de cada tableta dálle un carácter diferente:
- O chocolate 50% é máis doce e amable.
- O 70% ou 80% ofrece un sabor máis profundo e complexo, ideal para amantes do cacao auténtico.
En resumo: o cacao é a alma, e o chocolate, a súa expresión máis doce.
Fina Rei: chocolate artesanal elaborado en Allariz

Nas tendas de Fina Rei de Allariz e Ourense, na nosa tenda online e en moitas tendas de alimentación de dentro e fóra de Galicia, podes atopar o noso chocolate artesanal. É fácil de identificar, aínda que non ten o envase, a forma, nin o sabor habitual. Podes escoller entre chocolate negro, branco ou con leite, coa mestura de froitos secos que máis che guste.
Para pedidos de máis de 1 kg, podemos darlle a forma que ti queiras. Interésache? Escríbenos.