Ourense: Da Ribeira Sacra a Ribadavia, pasando polo Carballiño

Nesta publicación imos facer unha ruta na que coñeceremos tres zonas da provincia de Ourense que paga a pena visitar para descubrir os seus segredos e coñecer o seu sobresaínte pasado, que aínda podemos observar grazas aos monumentos que conservan. Adentrarémonos nos mosteiros de Oseira e da Ribeira Sacra, recargaremos forzas desfrutando do polbo do Carballiño e remataremos o camiño coñecendo o pasado xudeu de Ribadavia.

A Ribeira Sacra

Foto: turismo.ribeirasacra.org

Comezaremos a viaxe achegándonos á Ribeira Sacra, deténdonos en primeiro lugar no concello de Parada do Sil e máis concretamente no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, un templo de orixe medieval, do que se teñen mencións documentadas pertencentes ao século X, pero cuxo edificio orixinal podería ser da época prerrománica. Situado nun territorio escarpado, ao igual que moitos dos mosteiros creados na zona foi un asentamento relixioso ascético e posteriormente converteuse en mosteiro. A mediados do século XVI comezou o seu declive a nivel relixioso, pasando a depender do veciño mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e, posteriormente, coa desamortización de 1835, quedou para granxa de labor.

Abandonando este antigo mosteiro, centrámonos na grandeza dos meandros que conforman os Canóns do Sil, que poden ser admirados desde numerosos miradoiros, pero nesta ocasión ímonos centrar naqueles que se atopan na ladeira ourensá da Ribeira Sacra. Dentro aínda do municipio de Parada de Sil atopamos o miradoiro de Torgás, máis coñecido como os Balcóns de Madrid, ao tratarse, segundo a tradición, do punto no que as mulleres acudían a ver por última vez aos seus maridos que marchaban camiño de Madrid, onde a maioría traballaban de barquilleiros. É sen dúbida o máis visitado, pero tamén paga a pena deterse no das Xariñas do Castro, ou A Mirada Máxica, que conta con dúas pasarelas de madeira que se adentran varios metros sobre o canón e ofrecen unhas vistas fantásticas. Moi preto ademais está a Pena da Cividá, á que se pode acceder a pé e ofrece outra boa panorámica.

Outras opcións que se abrirán no noso percorrido en dirección ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil serán os miradoiros de Cabezoás, o da Columna ou tamén coñecido como o do Picotiño, así como o de Vilouxe ou os de Pé de Home e Pena do Pobre, xa no concello de Nogueira de Ramuín. Superados estes últimos iniciaremos o descenso cara o embarcadoiro no que poderemos gozar dun paseo en catamarán polo encoro de Santo Estevo no que observaremos a maxestuosidade dos Canóns do Sil desde o propio río e no que tamén nos explicarán en que consiste a viticultora heroica que se practica na Ribeira Sacra.

Pecharemos a nosa visita a esta zona visitando o espectacular templo de Santo Estevo de Ribas de Sil, un vello mosteiro beneditino de tres claustros situado no concello de Nogueira de Ramuín e que a partir do ano 1998 foi totalmente rehabilitado para pasar a ter uso hoteleiro, formando parte da rede de Paradores desde o ano 2004. É un Ben de Interese Cultural e pode ser visitado.

O actual edificio foi construído a partir do século X, cando se ten a primeira referencia documental, datada no ano 921, momento no que o rei de Galicia Ordoño II daba permiso para a reconstrución dun cenobio adicado a Santo Estevo e cuxo inicio se remonta ao período do Reino Suevo, impulsado por Martiño de Dumio. Destaca a súa igrexa, románica e protogótica, que se empezou a levantar a finais do século XII e consta de tres naves e unha tripla ábsida semicircular, e tamén o claustro procesional ou dos Bispos, con elementos románicos, renacentistas e do gótico florido tardío.

O Mosteiro de Oseira

Foto: facebook.com/mosteirodeoseira/

Deixaremos a Ribeira Sacra facendo unha parada para repoñer forzas en Luintra e tomaremos rumbo cara o oeste para achegarnos á parroquia de Oseira, no noroeste da provincia ourensá e no termo municipal de San Cristovo de Cea. É un lugar que garda unha auténtica xoia medieval, o Mosteiro de Santa María de Oseira. Foi fundado polos benedictinos no ano 1137, aínda que rapidamente pasou á orde do Císter. Durante moitos séculos tivo un destacado papel na economía e na sociedade da comarca do Carballiño e foi desamortizado no 1835, recuperando o culto xa no pasado século grazas aos monxes da Orde da Trapa.

A súa maxestuosidade provoca que moitos comparen este mosteiro co do Escorial madrileño e nel mestúranse distintos estilos como o románico, moi presente na súa igrexa con planta de cruz latina e tres naves e cruceiro; o renacentista, a través da transformación levada a cabo na súa fachada no século XVI; ou o barroco con clara influencia compostelá, que se pode atopar na fachada do seu conxunto residencial.

A nivel anecdótico comentar que hai teorías que din que o termo Oseira fala da presenza de osos nesta zona en épocas remotas, aínda que existen outras interpretacións diferentes. No que si non cabe interpretación é na necesidade de mercar un pouco de pan de Cea para mollar o polbo na nosa vindeira parada, O Carballiño.

O Carballiño

Foto: carballino.gal

A capital da comarca na que se asenta Oseira ofrece monumentos, pazos señoriais, augas termais e sobre todo o seu produto fetiche, o polbo, que conta con festa propia e que este 2024 se celebrará o 11 de agosto. No centro da vila atopamos o Templo da Veracruz, o monumento máis recoñecible do Carballiño. Foi construído no ano 1943 polo recoñecido arquitecto Antonio Palacios Ramilo, sendo o seu segundo proxecto dunha serie de importantes traballos de temática relixiosa, logo do Templo Votivo do Mar de Panxón (Nigrán). Destacan os seus materiais, xa que foi levantado con elementos recollidos todos na comarca, especialmente granito e lousa. O estilo non pode ser catalogado en ningún en concreto porque é unha amálgama de diversas formas escultóricas e arquitectónicas.

Logo de comer o polbo, desfrutar das cañas de crema tradicionais do Carballiño e de admirar o Templo da Veracruz, a seguinte parada debe ser o parque etnográfico do Arenteiro, un espazo verde á beira do río do que toma nome e que conta con elementos para facer un picnic coa familia ou amigos e no que destacan un conxunto de muíños agora reconvertidos en cantina.

Seguindo o noso camiño fóra do casco urbano, a vindeira parada antes de poñer rumbo a Ribadavia será o Castro Cavadoso, antigo burgo medieval con castelo, murallas e vivendas situado ao carón dunha carballeira do que só se conservan algúns restos. O castro foi destruído durante as Revoltas Irmandiñas do século XV e moitas das súas pedras foron aproveitadas polos antiguos poboadores da zona para levantar muros, camiños e vivendas.

Ribadavia

O noso final de etapa desta primeira viaxe pola provincia de Ourense será Ribadavia, a capital do viño do Ribeiro. Situada ás beiras do río Avia, destaca polo seu fantástico casco antigo, declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1947, e que garda un dos barrios xudeus máis atractivos da Península Ibérica.

A chegada dos xudeus ao Ribeiro produciuse na época medieval, cando se asentou unha importante comunidade que se dedicou principalmente a actividades comerciais e artesanais, ata que foi expulsada por orde dos Reis Católicos no 1494. A Xudaría conserva a súa esencia e é moi interesante dar un paseo por rúas e calexóns como a Porta Nova de Arriba e de Abaixo intentando atopar as estrelas de David e as inscricións hebreas esculpidas nas fachadas que aínda se conservan. É un aperitivo para acabar coñecendo a fondo a pegada que deixaron os xudeus visitando o Museo Sefardí. Nalgún momento a colonia xudea alcanzou as 1.500 persoas e impregnaron das súas costumes e tradicións á vila de Ribadavia durante séculos.

O paso polo casco urbano ribadaviense pode completarse facendo unha parada na Praza Maior, na igrexa de San Xoán, visitando o Castelo dos Condes de Sarmiento, fortaleza que foi residencia destes ata o século XVII, cando se trasladaron á Praza Maior; ou dando un pequeno paseo ata o Conxunto Monumental de Santo Domingo, declarado monumento nacional e que está composto do Convento de Santo Domingo e da igrexa da Virxe do Portal.

Podedes completar o noso plan achegándonos a coñecer algunhas das bodegas que conforman a Denomiación de Orixe do Ribeiro ou xa nos arredores de Ribadavia mergullándose nas Termas de Prexigueiro ou refrescándose nas Pozas de Melón.

Comparte!