Hai algunhas semanas que a nutricionista Mireya Castiñeiras nos propuxo facer unha pequena colaboración. Mireya escolleu Fina Rei como empresa local que elabora os seus produtos con materias primas de calidade. Produtos de repostería que poden formar parte dunha alimentación saudable nun momento do ano, o verán, no que é posible coidarse e desfrutar a un tempo. Como? A continuación compartimos con vós un texto escrito por Mireya no que nos fala de alimentación saudable, física, pero tamén mental. De relacionarnos coa comida desde un punto de vista positivo e non desde o medo e a restrición.
Mireya Castiñeiras (Nutricionista)
Cando pensamos en verán é probable que se nos veña á mente unha imaxe totalmente contraria ao que consideramos uns bos hábitos ou unha alimentación saludable, xa que os compromisos sociais, os festexos e as diferentes reunións propician que aumentemos a inxesta de todos aqueles alimentos que consideramos insáns. Sen embargo, debemos pararnos a reflexionar sobre o que é para nós unha alimentación saudable, entendendo por esta aquela que coida a nosa saúde física, pero tamén mental. Dende este punto de vista, non existe unha alimentación saudable se nos relacionamos coa comida dende o medo e a restrición e deixamos de lado esa parte emocional; comer por placer tamén é comer saudable. Isto non significa levalo ao extremo de comer alimentos altos en azucres e/ou edulcorantes a diario e en cantidades moi elevadas, pero si ter unha alimentación flexible na que as froitas e verduras formen parte do noso día a día e na que os alimentos que nos nutren de forma emocional estén presentes de forma consciente e poidamos desfrutar deles sen culpabilidade.
Por tanto, o resumo dunha alimentación saudable poderíamola clasificar en:
- Incluir na nosa dieta froitas e verduras de forma diaria.
- Consumir os hidratos (pan, pasta, arroz) mellor nas súas versións integrais.
- Priorizar proteínas vexetais (legumes) frente a animais, especialmente carnes vermellas ou embutidos.
- Permitirnos comer todo tipo de alimentos, pero con moderación e dun xeito consciente.
- Coidar a nosa saúde; tamén a mental.
Por outra banda, os riscos dunha alimentación restrictiva poden enumerarse nunha moi longa lista… Dende problemas propiamente físicos: perda excesiva de peso, perda e debilidade do cabelo e das uñas, cansancio… Podendo derivar co tempo en déficits nutricionais que deriven en patoloxías como a osteoporose pola perda de densidade ósea ou as alteracións hormonais, entre outras.
Dende o punto de vista da saúde mental, as dietas estrictas aumentan o risco de vincularnos coa comida dende un punto de vista negativo, podendo desencadenar nos casos máis graves nun trastorno da conducta alimentaria, como é a anorexia, a bulimia ou o trastorno por atracón. Ditas patoloxías son moi frecuentes na nosa sociedade e deben deixar de estar estigmatizadas e poden curarse (contrario ao que se pensaba antes), pero precisan dun abordaxe multidisciplinar, onde a nutrición e a psicoloxía deben camiñar da man.
Dende este punto de vista, o verán pode ser unha moi boa época para nutrir a nosa saúde mental de novas experiencias e sabores, xa sexa viaxando ou disfrutando dos nosos sabores tradicionais. Respecto a esta parte tradicional, contamos en Galicia con magníficas pequenas empresas como é o caso de Fina Rei, que dende Allariz mezcla o tradicional da zona coa innovación, apostando firmemente pola sostibilidade alimentaria.