Se ides visitar Allariz esta Semana Santa ou nas próximas semanas, tedes a oportunidade de achegarvos á Fundación Vicente Risco e descubrir a exposición “LEGATUM, da escultura ao chocolate”. Teredes a ocasión de observar as pezas orixinais creadas polos escultores Acisclo Manzano, Soledad Penalta, Arturo Andrade, Xosé Cid e Acisclo Novo. E de comparar as súas esculturas coas reproducións elaboradas en chocolate polos mestres chocolateiros de Fina Rei. A Fundación Vicente Risco abre as súas portas no seguinte horario.
LEGATUM: Un percorrido polas cinco etapas da vida
Temos que recoñecer que a exposición “LEGATUM, da escultura ao chocolate” é unha experiencia incompleta. Ides atopar información sobre a iniciativa, sobre cada unha das pezas e sobre os/as artistas participantes. Tamén poderedes contemplar as esculturas orixinais e as súas reproducións en chocolate. Entón…, por que dicimos que é incompleta? De cada peza podedes consultar información sobre “apariencia, aroma, sabor e textura”. O obxectivo de LEGATUM é que poidades romper, compartir e saborear as nosas creacións. Na exposición non poderedes facelo, pero se vos parece unha boa idea de agasallo, contactade con nós ou visitádenos na nosa tenda de Allariz, no número 1 da rúa Emlia Pardo Bazán.
Cando se acaba o chocolate, comeza a túa historia
Cada caixa que envolve as pezas de LEGATUM convértese nunha cápsula do tempo. Unha oportunidade para gardar momentos do presente que redescubrir no futuro. Poñémosvos un exemplo. Unha parella que acaban de converterse en mamá e papá, reciben a escultura Xénese, que representa a etapa do nacemento e, despois de desfrutar do chocolate, escriben unha carta que o seu fillo/a poderá ler cando sexa maior. Que vos parece a idea?
Podedes consultar toda a información sobre o proxecto na nosa páxina web e na nosa tenda en liña.