Fina Rei patrocina a I Edición de Estudios Abertos en Ourense

En Fina Rei sempre pensamos que a arte e a cultura enchen de significado o noso traballo de repostería. Ese foi o motivo polo que decidimos apoiar e patrocinar a I Edición de Estudios Abertos en Ourense, organizado pola asociación A Maquinadora. Este evento é unha plataforma única que permite ao público sumerxirse nos estudos dos artistas de Ourense, explorando os seus procesos creativos e coñecendo a quen lle dá vida ás súas obras.

Esta primeira edición reúne a artistas de distintas xeracións e con diferentes traxectorias, dende creadores locais recoñecidos internacionalmente ata talentos emerxentes. Esta diversidade refléxase na variedade de formas de expresión artística, con estudos tanto profesionais coma vocacionais. Algúns artistas combinan a súa práctica creativa con outros traballos, pero todas as súas contribucións reflexan a importancia da arte na identidade cultural de Ourense. O evento pon en valor estas aportacións únicas destacando o seu impacto na escena contemporánea.

Como funciona Estudios Abertos

Máis de 25 artistas locais participan na edición deste ano, que abre as súas portas do 25 ao 27 de outubro. Os visitantes teñen a oportunidade de percorrer 14 espazos de traballo, de forma gratuíta, onde poderán descubrir as obras e tamén o entorno no que se crean. Así pois, poderán desfrutar de pinturas, esculturas, ilustracións, artes visuais, sonoras… ata street art, de artistas como Xosé Cid, Baldomero Moreiras, Frenética Lab, Dodo Dadá ou Sula Repani, entre outros moitos.

Para chegar a estes estudos e espazos de traballo, débese acceder ao mapa – tamén se pode adquirir nos establecementos colaboradores – e achegarte nos seguintes horarios:

  • Venres 25: de 17.00h a 21.00h.
  • Sábado 26: de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h.
  • Domingo 27: de 11:00h a 14:00h.

A nosa colaboración con Estudios Abertos reflexa a nosa filosofía de contribuír ao crecemento cultural e social de Ourense, así como unha forma de establecer pontes entre empresa e arte, xerando un impacto positivo na comunidade que compartimos.

Comparte!