Acceder

Fina Rei colabora co X Premio Antón Risco de novela curta

En Fina Rei estamos moi orgullosos de formar parte do “X Premio Antón Risco” de novela curta, un concurso literario que homenaxea o traballo do alaricano Antón Martínez-Risco Fernández, figura importante da literatura fantástica galega. Xunto coa Fundación Vicente Risco, a Deputación de Ourense e Daveiga-Galletas Mariñeiras, unímonos a esta convocatoria que busca fomentar a actividade creativa literaria nas linguas galega e portuguesa. 

Antón Risco é continuador do legado do seu pai, Vicente Risco, pioneiro do xénero fantástico en Galicia. Antón destacou polas súas obras, pero tamén polo seu traballo como teórico e editor. Como mostras do seu coñecemento no campo da literatura fantástica temos Literatura fantástica de lengua española (1987) e Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega (1991).

Bases do concurso

O premio, que terá un incentivo de 3.000€ e a publicación da obra pola editorial Dr. Alveiros, está aberto a toda persoa que presente unha novela curta, inédita e orixinal, escrita en galego ou portugués. As novelas deben ter como mínimo 60 páxinas e como máximo 100 e deben cumprir outros requisitos técnicos que se poden completar nesta ligazón ás bases. É importante cumprir coas bases xa que calquera orixinal presentado que non se adapte ao requerido será automaticamente descartado.

A data límite de entrega dos orixinais é o día 31 de xaneiro de 2025.

Dende Fina Rei, apoiamos este tipo de iniciativas que respaldan a tradición literaria galega e que axudan a emerxer novos autores na nosa cultura. Invitámosvos a todos os escritores a participar para poder coñecer o talento que albergades e manter o legado da figura de Antón Risco.

Comparte!