Entroido con sabor a orellas e filloas

O Entroido é un dos momentos e unha das festas máis agardadas do ano. Disque a súa orixe está vinculada á fin do inverno e á chegada do tempo para sementar. As máscaras habituais estes días tiñan (e seguen tendo) a función de espantar os malos espíritos das colleitas. Son días para chocar e trangallar. Para repousar e desfrutar dun prato de orellas ou de filloas. Que doce típico do Entroido nos recomendariades?

As orellas son para o Entroido

Non hai dúbida de que as orellas son un dos doces máis representativos do Entroido. Non é difícil imaxinar a que deben o seu nome. Os ingredientes: fariña, manteiga, ovos, leite, azucre, levadura, anís, limón raiado e sal. Logo do proceso de fermentación, estiramos pequenas porcións ata que queden moi finas, en láminas de 12 centímetros de ancho e 25 de longo, aproximadamente. Frítense en aceite de xirasol ao que engadiremos un anaco de pel de limón e unha cullerada de graxa de porco. Mentres se friten, empurrámolas contra o bordo cun garfo ou outro utensilio similar, co fin de acadar as dobreces que as caracterizan. Por último, engádese azucre para protexelas da humidade e mantelas crocantes máis tempo.

A elaboración é lenta e laboriosa. A receita orixinal está a deixar paso a outras elaboracións máis sinxelas, menos artesanais, que repercuten no sabor. Para nós a orella é un doce tradicional do que cómpre respectar ingredientes e proceso de elaboración. 

No Entroido ademais de orella, filloas

Por sorte para todos e todas nós, comemos filloas ao longo de todo o ano, pero elas reivindican, con xustiza, ser tamén un dos doces típicos do tempo de Entroido. Os ingredientes: leite, fariña, ovos, azucre e sal. Vértese a mestura nunha tixola para construír unha lámina fina que podemos encher, por exemplo, de crema pasteleira. En Fina Rei torramos a crema pasteleira, dóbrase a filloa en catro partes e acabamos acaramelándoa por fóra. O acaramelado apórtalle intensidade ao tempo que suaviza a dozura e aporta matices inmellorables. 

Comparte!