Explorar os camiños que ofrece a repostería artesanal é o modo en que expresamos o noso agarimo pola profesión. Co obxectivo de sorprender ás persoas amantes do doce, indagamos novas formas de traballar a artesanía do chocolate. Destas curiosas andainas, nacen elaboracións abraiantes que van desde unha poética Frecha de Chocolate para agasallar no Día do Amor ata Ostras de Chocolate que sorprenden pola súa delicadeza.
Estes produtos son só dúas pinceladas do que vos traemos neste blog: unha auténtica colección de chocolates de diversas formas que reflicten non só o poder artesanal de Fina Rei, senón tamén a nosa facilidade para innovar cun produto que leva entre nós centos de anos: o chocolate.
Frecha de Chocolate: cando o amor pode saborearse
Nun momento de delicadeza e dozura, esta Frecha de Chocolate está feita para derreter o corazón da persoa que amas non só pola súa exquisita combinación de sabores, senón porque vén acompañada dun poema exclusivo de, nada máis e nada menos que Miriam Reyes, a recente Premio Nacional de Poesía.
Esta Frecha de Chocolate estrutúrase en varias partes: a punta da frecha é de bombón de framboesa e pistacho, a vara é dun clásico chocolate con leite e as plumas dunha cítrica mistura de azucre e zume de limón. Esta frecha comestible está colocada sobre un soporte de gianduja de canela e vén gardada nun especial estoxo cun deseño exclusivo para a ocasión.
A combinación da reposteria artesanal que nos caracteriza e a nosa aposta pola cultura dá como resultado este especial agasallo para celebrar o Día do Amor. Un agasallo que non só se saborea, senón que tamén serve para compartir un momento de cariño a través da lectura dun poema que é toda unha declaración de amor.

Caixa de bombóns Xenia de Froitas e Flores: un estoxo que é puro detalle
Unha elegante caixa de madeira garda este conxunto de bombóns fermosamente decorados. Elaborados de xeito artesanal, coma todas as creacións de Fina Rei, os bombóns da caixa Xenia de Froitas e Flores recorren cinco tipos de sabores: caramelo de albaricoque, praliné de améndoa e brandy, café, froita da paixón e doce de leite.
Ao igual ca Frecha de Chocolate, a sorpresa non remata nos bombóns: o estoxo é personalizable, puidendo escoller entre diferentes deseños entre o que se atopa unha delicada flor envolta nun corazón, moi apropiada para estas datas.

Ostras: cando o mar sabe a chocolate
Aínda que non o pareza, todo é chocolate. Bañadas no viño do Atlántico por excelencia, o albariño, estas ostras inspíranse na beleza das rías de Galicia e están elaboradas dun xeito completamente artesanal.
Conseguindo unha experiencia visual inigualable, esta creación de Fina Rei está composta de varios chocolates que fan posible esta similitude: con chocolate negro e branco evócase o exterior da cuncha, decorada a man con chocolate de nácara azulada e, no interior, a crema de amendoado, Brandy e viño albariño está coroada por unha delicada perla ambarina.
Estas Ostras de Chocolate elabóranse baixo pedido, para que cheguen no momento ideal xunto a ti. O estoxo consta de catro ostras elaboradas con suma delicadeza e cariño.

Bombóns Colección O Porco de Pé: o amor pola cultura e o chocolate
Con esta caixa de bombóns, reafirmamos o noso compromiso coa sostibilidade e a cultura galega así como coa innovación constante do noso obradoiro en Allariz.
Este estoxo de Bombóns Colección O Porco de Pé é das máis recentes e complexas creacións do obradoiro: inspirada na recoñecida obra do escritor ourensán Vicente Risco, coa caixa pódese escoller unha das nove láminas pintadas polo artista allaricense Xabier Varela que corresponden a diferentes momentos da novela. Iso si, que facemos con esta lámina? Velaquí vai a sorpresa: unha vez rematados os bombóns o estoxo transfórmase nun marco para colocar a ilustración. Un delicioso agasallo que sorprende porla súa versatilidade e combinación de cultura e gastronomía.
Por outra banda, se falamos dos bombóns a combinación de sabores sorprendentes está asegurada no tocante aos recheos: de gianduja de pistacho, froita da paixón, praliné de améndoa, curry e coco e de gianduja de café.

Así, seleccionamos neste post as nosas mellores propostas para agasallar e sorprender ás persoas que máis queremos. Unha selección de sabores que se misturan, en combinacións insólitas pero deliciosas, cun denominador común: o chocolate artesán.