Cando o termómetro comeza a baixar e os días de verán van quedando atrás, en Fina Rei celebramos a chegada do verdadeiro “bo tempo”.
Para nós, o bo tempo é ese intre no que o frío nos convida a refuxiarnos dentro da casa e a recuperar eses pequenos rituais tan pracenteiros que nos meses de calor adoitamos deixar de lado. É o pracer de acender o lume, de preparar unha infusión quentiña, de buscar o abrigo dunha manta no sofá e de gozar das pequenas cousas.
Canto máis arrefría fóra e máis repica a chuvia nos cristais, máis nos presta quedar na casa e gozar da tranquilidade do fogar, lonxe da inercia e do ritmo continuo dos plans de verán.
O pracer de experimentar: novas formas de gozar do noso chocolate no bo tempo
Ese confort do que falamos comeza moitas veces ao redor dunha cunca quente. Un bo café acabado de facer ou unha infusión fumegante son a compañía perfecta para un anaquiño de chocolate, mentres a tarde vai caíndo. Son eses pequenos praceres que recuperamos coa chegada do “bo tempo”.

Mais esa mesma calma da casa convídanos tamén a perder o medo a experimentar e a descubrir novas formas de gozar do chocolate. Porque, máis alá do café ou das infusións, hai moitas outras combinacións que paga a pena saborear.
Por que non levar o chocolate máis alá da cunca quente? Poñer no centro da mesa unha das nosas lousas de bombóns artesáns ou abrir un estoxo de rochas de améndoa caramelizada mentres abrimos unha boa botella de viño —sexa un tinto con personalidade ou un viño doce da nosa terra— non precisa de normas nin protocolos. Trátase, sinxelamente, de deixar que o crocante do froito seco e a pureza do cacao bailen cos aromas da copa nunha sobremesa que se alarga sen darnos de conta.
Volver á merenda de sempre: pan, chocolate e lembranzas da infancia
Habitar a casa deste xeito, sen as présas do verán, danos a posibilidade de baixar o ritmo. De súpeto estamos moito máis presentes en cada pequeno xesto: na calidez dunha cunca entre as mans, nunha conversa que non mira o reloxo, nun libro que lemos sen interrupcións ou no simple pracer de ollar como a choiva esvara polas fiestras.
Nesa presenza xorde un espazo que nos permite volver gozar de costumes de sempre, como a merenda. Cando vivimos coa présa, merendar convértese nun simple trámite; pola contra, cando hai acougo, as pequenas accións ritualízanse. Aparece esa maxia que fai que un xesto tan cotián se transforme nun auténtico momento de goce sen distraccións.

Ese ritual comeza moito antes de sentar á mesa, porque no bo tempo tamén se goza de cada pequeno paso previo: poñer o chuvasqueiro, baixar á panadaría, pararse a saudar un veciño e volver á casa con esa sensación tan gustosa de chegar ao refuxio
Despois, abonda con abrir o pan fresco, quebrar cun son crocante unhas onzas dunha das nosas tabletas de chocolate artesán e metelas dentro da suavidade da miga. Ese primeiro bocado, no que o chocolate e o pan bailan ao mesmo compás, é unha viaxe directa á infancia: un recordatorio de que non precisamos complicarnos para saborear a vida, porque abonda con bo pan, chocolate de verdade e a tranquilidade de estar, simplemente, onde queremos estar.
O pracer de xuntarse dentro: a norma non escrita de non chegar coas mans baleiras
Coa chegada do frío a vida tamén se despraza cara ao interior e multiplícanse os plans na casa: comidas de domingo que se estiran ata o serán, sobremesas sen présa ou visitas improvisadas arredor do lume.
E todos escoitamos esa frase tan nosa: “Non traias nada, que hai de todo!”. E, porén, todos sabemos exactamente como funciona: ninguén concibe cruzar esa porta coas mans baleiras. É un pacto tácito, unha desas normas non escritas que entendemos á perfección tanto quen convida como quen vai de visita.

Porque levar algo nunca foi un simple compromiso por cumprir. É o noso xeito máis sincero de dicir grazas pola acollida, de valorar o tempo que a outra persoa dedicou a preparar a casa e a quentar o ambiente para recibirnos. E, sexamos honestos: a quen non lle gusta que lle chamen á porta e que o agasallen cun detalle elixido con agarimo? Saber que alguén pensou en ti antes de saír da súa casa e trouxo algo rico para compartir fai que o encontro comece co mellor dos sorrisos.
Imaxina a escena: rematar de xantar, abrir a conversa da sobremesa e pousar no centro da mesa unha caixa dos nosos bombóns Xenia ou a presenza elegante dos lingotes Legatum. Ou, se nos poñemos na pel de quen recibe o agasallo… como che sentaría a ti que alguén chegase á túa porta cun agasallo así?