Coa chegada da primavera, os días son máis extensos e as cores dos campos e xardíns déixanse ver. É o momento no que as flores comezan a formar parte do noso día a día e, tamén, un xeito de inspirarnos. Aí, moitas veces as flores aparecen como un elemento máis nas nosas creacións, achegando matices, aromas e cores diferentes.
Traballar con flores no chocolate, é levar ao padal algo que normalmente só percibimos coa vista ou co olfacto. Deste xeito, nacen propostas tan vibrantes e alegres como a Xenia de Froitas e Flores ou o Estoxo de Músicos: bombóns feitos no noso obradoiro cos mellores ingredientes e, tamén, con flores.
As flores que escollemos en Fina Rei para realizar estes traballos artesanais de chocolatería son elixidas polas súas propiedades organolépticas que aportan matices de sabores suaves e frescos ao propio chocolate, pero tamén aromas doces. Estas flores van desde o pensamento, recoñecido polo seu uso culinario, ata a delicadeza das violetas cristalizadas.
Xenia de Froitas e Flores: un colorido xardín de pensamentos e chocolate.
A Xenia de Froitas e Flores convértese nun percorrido polos sabores e cores da primavera:
Cinco bombóns artesáns que combinan sabores maduros, como o café, e frescos, como o albaricoque. Así, na caixa Xenia atoparás: bombón de caramelo de albaricoque; bombón de praliné de améndoa e brandy; bombón de café; bombón de froita da paixón e chocolate branco; e bombón de doce de leite. Todos están ideados e elaborados con mimo polos nosos mestres chocolateiros. Iso si, hai algo máis: sorprende a presenza do pensamento, unha flor que adorna o xardín de chocolates da caixa Xenia.
O pensamento é unha flor de textura sedosa e aspecto delicado, que destaca polas súas cores intensas e polo seu suave aroma. Ao seren flores comestibles vibrantes e diversas, o resultado é moi visual, case como unha obra botánica capturada en chocolate. No padal deixa un lixeiro rastro agridoce, con matices que lembran aos froitos secos. O resultado é unha caixa que invita a observar as chamativas cores das flores antes de saborear e deixarse levar.

Estoxo de Músicos: saborea as cores da primavera.
O Estoxo de Músicos é un xogo de combinacións no que o chocolate se mestura con froitos secos, froitas e, por suposto, flores!
Se na Xenia de Froitas e Flores atopábamos o pensamento como flor protagonista, no Estoxo de Músicos conviven tres especies diferentes que marcan o ritmo dos bombóns: a menta, a rosa e a violeta.
No bombón de chocolate negro, as améndoas e anacardos crocantes combínanse coa cereixa e coa flor de menta, que introduce unha sensación refrescante en contraste co amargor do chocolate negro.
No chocolate con leite, a améndoa e a abelá únense aos arandos e á flor de rosa. Aquí a rosa aporta un perfil aromático floral doce moi recoñecible, xa que é un produto que se usa habitualmente noutras elaboracións gourmets.
Por último, no chocolate branco, as améndoas e os pistachos acompañan ao mango e á flor da violeta. A violeta destaca polo seu aroma intenso e elegante e polo seu sabor suave, que encaixa especialmente ben en elaboracións doces.

O reto da imitación da natureza en chocolate: a Rosa de San Valentín e os Ovos de Pascua.
En Fina Rei non só incluímos as flores nas receitas, tamén nos inspiramos nas súas formas e cores para representalas co propio chocolate.
É o caso da creación da rosa de San Valentín: unha elaboración de chocolate que pretende capturar toda a cor e beleza que transmite esta flor así como o seu significado, tan ligado ao amor e ao cariño. Trátase dunha creación que pretende ser fermosa por fóra e sorprender por dentro xa que o seu interior esconde unha exquisita crema de abelá e canela que se funde lentamente ao saboreala cun corazón de trufa de rosa. Un xeito de achegarse a través do sabor á calidez e suavidade do romance.
Por outra banda, a Pascua deixounos uns días con moita cor no obradoiro xa que, coma se de un cadro impresionista se tratase, pintamos con pinceladas rápidas unha imaxe que evoca unha paisaxe floral que quedou capturada no ovo de chocolate.

Eventos especiais: tartas que son un xardín de sorpresas.
Hai momentos que requiren dunha impresión inesquecible como son os aniversarios ou eventos que non poden pasar desapercibidos. Por iso, en Fina Rei utilizamos flores naturais como elemento decorativo enriquecendo un conxunto que non só serve para saborear, senón tamén para observar antes de probar. De feito, máis alá da estética, o uso de flores naturais proxecta unha fermosa imaxe de frescura.
Para Fina Rei, a primavera é unha fonte de inspiración chea de formas e cores. As nosas creacións son un xeito de descubrir novas combinacións para deixarse sorprender con ingredientes tan novidosos coma as flores, por iso convidámoste a descubrilas na nosa tenda online ou nas nosas tendas físicas en Allariz e Ourense.