Allariz prepárase para vivir oito días de troula continuada coa celebración da súa festa máis recoñecida fóra das nosas fronteiras. A Festa do Boi encherá as rúas da vila de música, comidas e por riba de todo de carreiras ao lado do noso animal preferido. Cun marcado carácter popular, está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia desde xa hai case dúas décadas, dado que recibiu esta distinción no ano 2006.
Son milleiros de persoas as que visitan Allariz nunha semana longa de festa que este ano dará comezo o sábado 25 de maio e que rematará o domingo 2 de xuño. A celebración conta cun completo programa con actividades para todos os públicos no que hai unha que se repite todos os días, a saída do boi para correr con el polas rúas allaricenses cunha corda atada aos seus cornos. E nalgúns casos como o luns, martes, venres e sábado 1 de xuño farao en dúas ocasións. Ademais, os máis pequenos e pequenas da casa tamén terán tres carreiras o luns, martes e mércores, xa que o Boi é unha tradición que pasa de proxenitores a crianzas desde xa ben cedo.
Conta a lenda que a Festa do Boi xorde…
Cóntanse que a orixe deste festexo se remonta ao século XIV durante unha celebración do Corpus Christi. Son varias as lendas que contan como puido xurdir e todas teñen en común a presenza de Xan de Arzúa, un fidalgo allaricense moi relixioso. De feito, a Asociación Cultural Xan de Arzúa, en colaboración co Concello de Allariz, é a encargada de organizar a festa. Di unha das lendas que este fidalgo, diante das chanzas e faltas de respecto habituais dos xudeus que habitaban Allariz ao paso da procesión do Santísimo durante a celebración do Corpus, decidiu subirse a un boi e cargar contra eles, mentres os seus criados lles botaban por riba formigas e cinza. Así logrou que os xudeus pasaran a respectar a procesión e ese acto converteuse nunha tradición. Outra fala da prohibición para os forasteiros de cruzar a vila de Allariz a cabalo, polo que Xan de Arzúa decidiu facelo subido no lombo dun boi. E unha última conta que Xan de Arzúa era o alcume dun boneco de palla que presidía a procesión e que, unha vez rematada esta, a veciñanza corría polas rúas atado a un boi.
Sexa como for, a Festa do Boi é na actualidade unha das celebracións máis recoñecidas do calendario festivo galego e en moitas ocasións vén case a ser como o inicio do verán ourensán. Durante oito xornadas desenvolverase un programa que empezará o sábado 25 de maio cunha comida popular, unha foliada con Xisco Feijoo, a recreación do Trato do Boi en Roimelo e a baixada cos bois ata a Barreira. Ás 20 horas será o momento do saúdo do Corrixidor/a de Honra e a entrega do sedeño na Barreira. A primeira saída do boi este ano está fixada para as 20.30 horas e logo haberá pasarrúas e ruada polo casco histórico da vila. O resto do programa deste 2024 pódese consultar nesta ligazón.
E se queredes adozar esta Festa do Boi, xa sabedes que en Fina Rei estarémosvos agardando cos nosos Amendoados ou coa nosa Torta Real de Allariz, ademais de chocolates de distintos sabores elaborados no noso obradoiro, bombóns ou galletas ecolóxicas. Non dubides en pasar a gozar dos produtos de primeira calidade que con tanto esmero preparan os nosos artesáns reposteiros e así marchar de Allariz coa alma e o bandullo cheos.