10 trazos da repostería artesanal

En Fina Rei sempre defendemos que somos “artesáns reposteiros”. A repostería artesanal é para nós esencia e camiño. Por que, cincuenta anos despois, decidimos manter a aposta pola elaboración artesanal, manual, devagar, dos nosos produtos?

1. Feito á man Vs produción automatizada

Para nós é moi importante o control de todo o proceso. Desde a selección dos ingredientes ata o acabado de cada produto. Coas nosas mans mesturamos, elaboramos e envasamos. A receita do Amendoado é sinxela, pero o resultado coa textura e o sabor que nós buscamos, require experiencia e poñer o coidado e a atención necesarios en cada paso.

2. Tempo fronte á inmediatez

A petición máis importante que nos fixo sempre a nosa nai, Fina Rei, foi a de “facede as cousas ben”. O obxectivo nunca foi chegar a ser moi grandes, senón o de medrar moi pouco a pouco, pero elaborando un produto de moita calidade. Elaboramos cada amendoado e cada Torta Real respectando a receita tradicional. Creamos novos produtos que sorprenden porque son orixinais, que convencen porque están cheos de sabor.

3. Produtos naturais e sen aditivos

Améndoas, froitos vermellos, castañas, aceite de oliva, chocolate… O primeiro paso da elaboración dos nosos produtos é un dos máis importantes: a selección de ingredientes. Todos os nosos produtos están elaborados con ingredientes naturais e nunca empregamos aditivos artificiais, conservantes ou colorantes.

4. Conservación natural

O cuarto punto podería ser considerado como negativo. Ou non. Os produtos artesanais e naturais teñen unha data de caducidade máis curta. Aínda que moitos dos nosos produtos teñen ata 5 meses, un dos nosos doces máis demandados, a Tentación de Eva, conta con só 5 días desde a elaboración do produto. Pero, probastes a Tentación recén feita? Pensades que paga a pena?

5. Sabor natural, sabor real

Unha boa maneira de explicar a repostería artesanal é que probar un doce artesán significa experimentar o sabor auténtico dos seus ingredientes. A améndoa sabe a améndoa e o chocolate, a chocolate. Ocorre o mesmo cos doces elaborados doutra maneira?

6. Produción limitada Vs produción masiva

En Fina Rei elaboramos a man e elaboramos sobre pedido. Precisamos máis tempo para cada doce e non podemos producir tanto. Pola contra, podemos controlar moito mellor a elaboración e garantir que, cando mercades algunha das nosas creacións, a experiencia sexa satisfactoria. 

7. Pegada local

En primeiro lugar, Fina Rei leva moitos anos sendo parte da repostería artesanal de Allariz. Temos un vínculo con Allariz e con Ourense que non podemos nin queremos romper. Un vínculo que coidamos elaborando os produtos de toda a vida. Traballando, sempre que podemos, con provedores de proximidade. Se cultivades algún ingrediente que pensades que podemos empregar, ou coñecedes a alguén que o faga, poñédevos en contacto con nós.

8. Un produto con historia e valores

Todas as marcas do mundo queremos vender experiencias, e non produtos, porque queremos ofrecervos algo máis, diferente, que vos convenza. Nós sabemos que valorades que esteamos orgullosos e orgullosas de ser de Allariz e que defendamos a súa repostería tradicional. Que apostemos, a través do traballo que facemos, pola nosa cultura. Que elaborar os doces que creamos a man e devagar é o segredo da experiencia que comeza ao morder e que acaba cando recordamos o momento no que o sabor estoupaba dentro da nosa boca.

9. Tempo para a creatividade

O respecto pola tradición e a creación de produtos novos, forman parte da nosa identidade. As ganas de innovar e sorprender son unha fonte de enerxía esencial para nós. Ese esforzo reflíctese en creacións como a Frecha de chocolate, para disparar á persoa que queremos, a Tentación de Eva, unha recreación da torta de mazá tradicional cunha textura única e un sabor…, ou as pezas da nosa colección LEGATUM, unha iniciativa pioneira que mestura, a partes iguais, repostería e arte. 

10. Atención personalizada

Desculpade o clixé corporativo, pero todas e todos valoramos que se temos unha dúbida ou se xorde algún problema, que ocorre, haxa alguén con quen falar. Sempre estamos dispoñibles para facer un pedido ao voso gusto, para escoitarvos e poñer o que estea nas nosas mans para atender as vosas necesidades.

Comparte!