Acceder

A Complicidade dos Larpeiros

Artigo da Voz de Galicia.

Allariz foi gardando o segredo dos mellores doces ao longo de séculos. De xeración en xeración foron pasando receitas, costumes, saberes e trucos para elaborar amendoados, tortas e a escasa améndoa de pico -25 días de traballo sen parar para producir pequenas cantidades (uns 5 quilos nese tempo)-, entre outros produtos. Houbo un tempo, non hai tanto, que a tradición do doce alaricán estivo en serio perigo, aínda que o apoio institucional e o compromiso das novas xeracións conseguiron revitalizar un sector de grande importancia para a vila. Un dos exemplos sobranceiros é o da empresa Fina Rei, onde os irmáns Miguel Ángel e Marcos manteñen a tradición do proxecto que no seu día puxeron a andar os seus pais, coa matriarca da familia como alicerce.

Comezaban os 70 e María Josefa Rei meteuse na artesanía do doce: «A receita díronma unhas señoras de aquí de Allariz e o meu marido dixo que era mellor que o fixese eu, que se me daba mellor. E así empezamos». Pasaron uns anos e deixouno «para atender aos fillos» -seis rapaces supoñen moito traballo e responsabilidades-. O relevo fórono collendo Miguel Ángel e Marcos de forma natural, case sen se decatar. Miguel Ángel lembra que «todos estivemos botando unha man e traballando nisto dende cativos, como pasa nas empresas familiares, aínda que ao final fomos Marcos e máis eu os que nos decidimos por manter a tradición familiar. Estabamos na casa e tiñamos a base feita». En Fina Rei sempre apostaron pola diversificación de mercados, os seus pais xa vendían os doces a través dun representante, e Miguel Ángel e Marcos manteñen esa filosofía: «No 95 foi cando nos metimos en serio, como un modo de vida, e coa premisa de elaborar aquí e comercializar fóra», apunta o primeiro. Na actualidade Fina Rei conta con tendas en Allariz, Ourense e Madrid. O proceso sigue sendo artesanal e a única maquinaria que se emprega é a trituradora da améndoa. O seu pai inventou hai anos unha máquina para evitar os moitos días que había que estar remexendo para facer a améndoa de pico «e sigue funcionando se a poñemos a traballar», apunta Marcos. Ademais das elaboracións tradicionais, amendoados e tortas, «nós apostamos por facer cousas novas e por iso nos metimos a fondo na repostería para innovar e dar un toque diferente: por acabado, por ingredientes, por ser un produto novo…» como lembra Miguel.

Sorpresas para o futuro

Os artesáns presentaban hai pouco uns bombóns sobre as esculturas de Acisclo Manzano e están ultimando novas presentacións: «algo innovador e que vai ser unha sorpresa». Miguel recoñece que o da familia é un proceso natural: «Somos larpeiros consumados. Lembro que toda a vida agardabamos polo postre para ver as sorpresas que nos facía miña nai. Aínda hoxe».

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2013/01/21/complicidade-dos-larpeiros/0003_201301O21C8991.htm

Comparte!